A Coruña salienta as vantaxes do seu proxecto Smart City de cara á cidadanía e as empresas TIC

luns, 19 de novembro do 2012 Redacción

O tenente de Alcalde, Martín Fernández Prado, nunha presentación recente da iniciativa

Entre as distincións que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) entregará na súa cita do 23 novembro, atópase unha que vai dirixida a unha administración galega: o Concello da Coruña, a quen recoñecen os enxeñeiros polos “seus esforzos en materia de fomento da cidadanía dixital”. Máis polo miúdo, a plataforma que preside Fernando Suárez concedeulle ao Goberno da cidade herculina o Premio Iniciativa da Administración polo Proxecto Coruña Smart City. Este recoñecemento inscríbese dentro dos galardóns que concede anualmente no transcurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista como dixemos para o 23 de novembro.
O CPEIG quere con este galardón facer un recoñecemento público a aposta que o concello coruñés está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías, “dous desafíos esencias para o desenvolvemento económico e social da cidade herculina, e de Galicia en xeral”.
Segundo salienta a carta remitida polo ente colexial ao alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para comunicarlle a concesión do premio, “a sensibilidade tecnolóxica amosada avala á Coruña como a primeira cidade galega que forma parte da Rede Española de Cidades Intelixentes”.
O Concello da Coruña, pola súa parte, está a recibir a nova con gran satisfacción, xa que certifica, segundo sinala o tenente de Alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, que o camiño escollido e percorrido é o correcto. Ao seu xuízo, todo o proxecto ten a mellora da calidade de vida da cidadanía e a potenciación das empresas TIC entre os seus obxectivos principais. A continuación, reproducimos a nosa conversa recente co tenente de Alcalde.
- Que constitúe este premio para os responsables deste proxecto?
- Unha satisfacción, un reto e un acicate. Unha satisfacción porque amosa que o camiño escollido e o percorrido que levamos feito parece o correcto. Estannos a avalar entidades alleas á política, á xestión municipal e mesmo alleas á Administración pública. Dalgún xeito significa que o proceso marcado polo Goberno municipal: Axenda Dixital, Proxecto Smart Coruña e Plan Director das TIC no Concello da Coruña é o camiño correcto a seguir.
- En liñas xerais, que vai significar esta experiencia para A Coruña e, por extensión para o futuro das cidades conectadas? Galicia, a través da experiencia coruñesa, pode ser referente mundial en espazos urbanos dixitais?
- O Goberno municipal da Coruña concibe un proxecto cos seguintes obxectivos:
Un proxecto de I+D+i que proporcionará infraestruturas experimentais de investigación na Internet do futuro / Internet das cousas.
Un proxecto de apoio á I+D da Universidade da Coruña, que favorecerá a súa internacionalización.
Un proxecto concibido para o desenvolvemento e a internacionalización do sector TIC.
Un proxecto cun potente efecto tractor: desenvolvemento socioeconómico, atracción de investimentos foráneas, innovación, etc.
Un proxecto para a potenciación da Coruña como polo tecnolóxico TIC de Galicia.
Un proxecto que permitirá dispoñer, na Coruña, dunha infraestrutura para novos proxectos de I+D e para novos desenvolvementos tecnolóxicos.
Un proxecto para o emprego e a xeración, retención e vinculación de talento.
Un proxecto focalizado cara á creación de novas empresas, orientación á excelencia das existentes, apoio á innovación e fomento da verdadeira clusterización do sector.
Pensamos que o proxecto terá impacto no conxunto da área territorial da Coruña metropolitana, reestruturará o rol da Coruña no sistema urbano de Galicia e do norte de Portugal e incidirá favorablemente no despregamento da Axenda Dixital do Eixo Atlántico.
- A nivel de cidadáns, que beneficios van atopar a través de Coruña Smart City? E a nivel de empresas? Cando comezaremos a ver os primeiros froitos da experiencia?
- O noso proxecto caracterízase por ter á cidadanía no centro do sistema. Isto faise para mellorar a calidade de vida da nosa sociedade, para optimizar os servizos públicos que se lle prestan. Doutro xeito (a tecnoloxía pola tecnoloxía) non tería ningún sentido. O Goberno da Coruña impulsa un proxecto que dotará de modelo e impulsará a nosa concepción da Administración Electrónica, que persegue a xestión integrada da cidade, sobre a base da construción física e lóxica dun Centro integral de xestión da información urbana concibido para implementar unha ferramenta de coñecemento da cidade (escoitar e comprender) e de pilotaxe da súa dirección estratéxica, xestionada por Cadros de Mando (Balanced scorecard). Un proxecto que apoie o establecemento de confianza dixital na poboación coruñesa. Estamos a elaborar unha normativa sobre desenvolvemento da Administración Electrónica, a transparencia e a reutilización da información no sector público, sobre a presenza institucional en Internet, etc.
Pensamos que os primeiros froitos da experiencia xa se están a ver: presentáronse sete ofertas que aglutinan o coñecemento de 84 empresas e entidades públicas e privadas. Xa estamos a acadar que o sector TIC coruñés e galego busque alianzas estratéxicas para medrar, para se internacionalizar, para lograr a excelencia.
Os cidadáns verán claras melloras ao longo do 2013 co desenvolvemento de normativa que facilite o despregamento da Administración Electrónica e percibirán melloras directas na prestación dos servizos públicos dende mediados do 2013. Ademais, mellorar a eficacia dos servizos implica xestionalos mellor, aforrar o que permitirá que medre outro tipo de gasto mais necesario nestes momentos.
- O CPEIG valorou a sensibilidade tecnolóxica amosada polo Concello herculino, unha predisposición que a levou a converterse na “primeira cidade galega que forma parte da Rede Española de Cidades Intelixentes”. A que responde esta sensibilidade?
- A Coruña é fundadora da RECI, lidera o seu Grupo Técnico de Innovación Social. A Coruña é, dende hai escasas semanas, vicepresidenta do Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (que agrupa a máis de 100 entidades da cornixa atlántica europea) e lidera o Comité Técnico de Smart Atlantic Cities. A Coruña preside a Comisión de Planeamento, Infraestruturas e Territorio do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (onde se dirixe a Axenda Dixital do Eixo). Semella evidente que esta sensibilidade responde a un principio: cremos firmemente no papel das cidades para tratar de saír do contexto actual de crise e cremos na potencialidade das TIC para dar pulo á nosa cidade.

PUBLICIDADE