A Coruña presenta nova web de Seguridade Cidadá

martes, 7 de marzo do 2017 Redacción

Coruña ten nova páxina web de Seguridade Cidadá, un sitio en liña dirixido a acrecentar e amplificar a comunicación coa cidadanía en materia de servizos de protección e atención (a propia área municipal de Seguridade Cidadá, Bombeiros, Policía Local e Protección Civil). A nova web foi dada a coñecer polo alcalde Xulio Ferreiro, que salientou que partilla o mesmo principio que todas as iniciativas dixitais do actual Goberno local, o principio de transparencia. Nun plano máis concreto, recordou que a canle acabada de presentar é un complemento do Portal Municipal de Transparencia, en activo desde principios deste ano.
O alcalde, que estivo acompañado durante a presentación do coordinador de Seguridade Cidadá do Concello, Carlos García Touriñán, explicou que a nova web é unha “páxina viva”, que se irá modificando no día a día e ampliando para ser “unha ferramenta útil á cidadanía”, onde de maneira progresiva iranse introducindo novos datos ás distintas seccións, como son os apartados específicos dos servizos de Policía Local, os Bombeiros e Protección Civil. Segundo fixo saber, con esta nova páxina “tensouse abrir unha nova porta á comunicación e a participación, que sexa máis cómoda, máis rápida e máis sinxela, para que a veciñanza poida acceder aos servizos que presta o Concello con máis facilidade”.
Nun plano máis concreto, sinalou que a través das súas seccións, a nova páxina municipal fornece, “de maneira sistematizada”, información sobre trámites, programas, novas sobre a actividade, avisos ou documentación, como as memorias de xestión de cada un destes ámbitos, ademais da organización interna dos servizos e os teléfonos e información de contacto.
Ademais, Ferreiro e García Touriñán sinalaron que “cada sección conta con apartados específicos como é, no caso da Policía Local, o das campañas que esta desenvolve, de xeito individual ou en colaboración con distintos organismos”. Cada sección, engadiron, “inclúe todos os datos das mesmas, para que sexan realmente accesíbeis, xa que ese é o obxectivo, que a cidadanía poida coñecer todo o traballo, para mellorar a seguridade viaria”.
Amais do devandito, explicaron que a páxina incorpora información sobre diversos programas innovadores, como o programa PIPE, de Identificación Policial Eficaz, ou o programa Axente Titor, que se realiza en coordinación coas comunidades educativas e que esta especializado na promoción do respecto polos dereitos da nenez, e centrado nos ámbito da protección do menor e en concreto ámbito escolar.
De igual xeito, a páxina inclúe unha sección de obxectos perdidos, "unha sección moi demandada pola cidadanía", segundo advertiu García Touriñán, e na que se dará conta das pertenzas depositadas na Policía Local.

PUBLICIDADE