A Coruña permite redescubrila dende o confinamento a través de itinerarios e visitas virtuais

mércores, 8 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

En tempos de pandemia, as nosas cidades convídanos a redescubrilas dende outro punto de vista, complementario e enriquecedor: o punto de vista online. Baixo esta premisa, A Coruña está ofrecendo diferentes propostas para percorrela dende os nosos fogares durante o Estado de Alarma, achegándonos oportunidades para facer novos e inesperados descubrimentos. Nesta liña enmárcanse as visitas á Torre de Hércules que se están a realizar cada pouco poñendo o foco nos máis pequenos da casa, e, tamén, os Itinerarios Virtuais que nos brindan novas e abraiantes ópticas dalgúns dos recantos máis destacados da cidade, e que podemos seguir nun blog específico a xeito de axenda-caderno de lecer para tempos de COVID-19.
O blog dos Itinerarios Virtuais pola Coruña vén da man do Servizo Municipal de Educación, en colaboración coa Federación Provincial das ANPA.
Os percorridos comezaron comezaron o pasado mércores 25 de marzo, cunha primeira sesión en directo a primeira hora da tarde. A través desta canle habilitouse un chat en liña no que se van realizando preguntas e resolvendo todas as dúbidas que poidan xurdir. Logo da primeira xeira, houbo outros percorridos polas rúas da cidade de María Pita (27 de marzo), pola contorna da praza de Azcárraga e o Palacio de Capitanía (o 31 de marzo), pola praza de María Pita e o Concello (o 2 de abril) e polas rúas da Cidade Alta (o 7 de abril). Cada viaxe no tempo dá comezo ás 17.00 horas.

PUBLICIDADE