A Coruña mobiliza á mocidade para resolver retos sociais con ferramentas STEAM (III Concurso Imaxina)

martes, 17 de outubro do 2023 S. P.

Premiados na anterior edición de Imaxina

O Goberno herculino abriu o prazo de inscrición (até o 5 de novembro) da terceira edición do Concurso Imaxina Coruña 2023-24, no que poderán participar os centros educativos da cidade e área metropolitana que conten con Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, coa finalidade de fomentar a difusión da cultura científica e tecnolóxica entre dito alumnado.
O programa Imaxina Coruña está organizado polo Consistorio herculino a través do Servizo de Educación en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses, e nace como “unha iniciativa municipal de carácter innovador” que convida á mocidade a crear un proxecto orixinal coas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas) e buscando contribuír a resolución dun problema real da sociedade.
Nesta III edición a temática do concurso deberá centrarse en Arte, Ciencia e Tecnoloxía.
Cada centro poderá solicitar participar cun máximo de 3 grupos, que poderán contar entre 2 e 4 participantes e deberán ser mixtos.
O concurso desenvolverase en varias fases (catro) dende o mes de novembro de 2023 ata o mes de abril de 2024.
Os premios virán establecidos en función de 3 categorías: premio á sustentabilidade, premio á innovación e premio ao compromiso social.
Premios para tres proxectos
Para cada unha das categorías, o recoñecemento consiste nun convite a participar ou visitar un día a feira científica Zientzia Azoka, en Bilbao, incluíndo gastos de desprazamento e aloxamento para os equipos gañadores e os docentes (máximo 5 persoas/grupo, incluído o docente).
Premio ao centro educativo
Cada centro educativo onde estea matriculado o alumnado premiado nas 3 categorías sinaladas, recibirá un cheque regalo por importe de 500,00 euros, que deberá destinarse á adquisición de material científico e tecnolóxico para a aula participante no concurso.
Premio ao vídeo do proxecto
Aqueles grupos concursantes que presenten un vídeo relato do seu proxecto serán publicados en Youtube e sometidos a votación popular os 3 días anteriores a celebración da Feira de ideas. O gañador da votación popular será premiado cun estabilizador.
Ademais, o Concello correrá cos gastos de material funxíbel que estean relacionados co traballo a desenvolver, ata un máximo de 150,00 euros por grupo participante.

PUBLICIDADE