A Coruña, incluída no xogo de xeolocalización de Pascual

venres, 15 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

A cidade da Coruña vén de ser incluída na rede de actividade de geocaching de Pascual para a promoción dos seus proxectos Bifrutas. A iniciativa, un xogo en liña con vertentes na dimensión real, chámase Cazadores de Experiencias Bifrutas e tivo a súa primeira edición en setembro e outubro do ano pasado en Madrid e Barcelona, na que participaron, informa a organización, centos de persoas. A gran novidade agora é que o certame esténdese a Sevilla, Valencia, Zaragoza, Murcia, Mallorca, Bilbo, As Palmas e, tamén, A Coruña.
A actividade é puro geocaching, só que con faciana comercial. Polo tanto, tratarase de buscar, en equipo ou de xeito individual, tesouros agochados, reais ou virtuais, empregando para este fin aplicacións, coordenadas ou pescudas. Os tesouros en cuestión, como é de supoñer, teñen relación directa cos devanditos produtos de Pascual. Esta edición 2012 do concurso artéllase en varias fases. Na primeira, teremos que procurar, a través de Google Street View, diversos agasallos agochados, “aos que poderemos acceder directamente na web ou a través das redes sociais Facebook ou Tuenti, que inclúen a axuda de vídeos titoriais”. O concurso, que se desenvolve até o 31 de outubro, inclúe arredor de cincocentos premios a repartir nas devanditas cidades e ao longo do devandito período de tempo.

PUBLICIDADE