A Coruña e Red.es mostran como usar as TIC para facer medrar as empresas

luns, 27 de xaneiro do 2020 Redacción

O Concello da Coruña, desde a área de Promoción Económica e Comercio, colabora coa entidade pública empresarial Red.es no programa Crear Futuro, centrado na formación en competencias para a transformación dixital. O programa inclúe neste arranque de ano dous obradoiros sobre outras tantas vertente do fenómeno tecnolóxico aplicado á actividade das empresas. Trátase dos cursos Proposta de valor e modelo de negocio, por unha banda, e Como conseguir os primeiros clientes, pola outra. Estas actividades formativas levaranse a cabo no centro Accede Papagaio e no Viveiro de Empresas da Grela, respectivamente, o día 3 de febreiro no primeiro caso e 17 de febreiro no segundo caso.
O obradoiro Proposta de valor e modelo de negocio vai dirixido a traballadoras e traballadores en activo (que non pertenzan ao sector público) e a persoas desempregadas. A recentemente remodelada páxina web do Concello da Coruña ofrece cumprida información sobre as súas bases. O segundo dos cursos, moi centrado (ao igual que o primeiro) nos procesos máis avanzados dos que podemos botar man para facer avanzar unha empresa en materia de competitividade, rendibilidade, comunicación e eficiencia, diríxense ao mesmo segmento de poboación que a primeira das actividades. Tamén podemos atopar cumprida información sobre o segundo obradoiro na web da Coruña.

PUBLICIDADE