A Coruña celebra os repetidos apoios para converterse en sede da AESIA

xoves, 27 de outubro do 2022 S. P.

O Concello de Coruña celebrou esta semana a información achegada polo Nodo Galego de Intelixencia Artificial, na que se situaba á cidade herculina como a máis idónea das galegas para albergar a que será a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), apoios aos que sumou horas despois o Clúster TIC de Galicia e, previamente, a Cámara de Comercio da Coruña.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, amosou a súa satisfacción pola elección da Coruña como candidatura galega a acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). "Xa contabamos con que A Coruña era a cidade máis axeitada e así o ratifica agora o Nodo Galego", indicou Rey, engadindo que “é unha boa nova que ten que culminar coa elección da Coruña para a sede da AESIA e o Goberno municipal seguirá traballando para conseguilo".
Como lembraremos, o Executivo municipal convocou un pleno extraordinario o pasado día 21 para lles solicitar aos grupos o apoio á candidatura coruñesa e para demandar da Xunta o soporte para defender a proposta coruñesa. O pleno aprobou por unanimidade a proposta do executivo de Rey, que leva tempo traballando para que o relevante organismo nacional teña a súa sede na cidade.
A cidade mellor valorada
Segundo salientou a rexedora, “A Coruña é, polo seu tecido académico, empresarial e polos seus servizos, a cidade mellor valorada de Galicia, mais tamén é un referente nacional nas novas tecnoloxías e que por tanto cumpre con todos os requisitos para acoller a AESIA, dentro tamén dos criterios de descentralización do Estado que está a aplicar o Goberno central”.
O Concello ofertou como sede o edificio histórico da Terraza, un inmóbel de valor histórico e artístico que aspira agora a un novo uso. "Agardamos que a Xunta sexa capaz de defender a candidatura coruñesa fronte ao resto de cidades españolas que optan á AESIA", indicou Rey.

PUBLICIDADE