A Coruña activa a súa plataforma en liña de contratos

luns, 26 de decembro do 2022 S. P.

O concelleiro José Manuel Lage, presentou este luns 26 de decembro a nova plataforma de contratos do Concello da Coruña, que xa está dispoñíbel en liña. Trátase, dixo, dunha ferramenta de rexistro público que se pode empregar de “maneira sinxela e intuitiva” e que sitúa á Coruña á cabeza de Galicia en materia de transparencia e Administración Electrónica, dixo, ao tempo que salientou as facilidades que pon en xogo a plataforma, que permite consultar en tempo real os contratos da administración e os procedementos seguidos para a súa adxudicación.
Esta plataforma, engadiu, permite filtrar por expedientes, por data e importe de licitación, por tipo de contrato e por procedemento: “Hoxe damos un paso na transparencia do Concello, un paso que non ten marcha atrás, coa posta a disposición da cidadanía dunha ferramenta na que se poden consultar todos os contratos da administración municipal desde o 2018”.
Tamén destacou que o Concello da Coruña xa contaba cunha boa valoración en materia de transparencia, cun 88 de valoración no último informe elaborado pola Universidade de Santiago. "Incrementamos o noso compromiso coa transparencia con esta nova ferramenta, que permite mellorar notablemente o acceso á información por parte da cidadanía e o seu coñecemento dunha materia tan relevante como é a contratación", dixo José Manuel Lage.

PUBLICIDADE