A Coruña acolle este venres un encontro sobre innovación para emprender e desenvolver: o Foro +I+D+C

xoves, 1 de decembro do 2016 Redacción

Este venres celébrase na Coruña un encontro destinado a visualizar, de cara a servir de referentes e impulsar a posta en marcha de novos proxectos, as nosas capacidades actuais en materia de emprendemento, desenvolvemento e, por suposto, innovación. Falamos do Foro +I+D+C, que se levará a cabo no Paraninfo da Universidade da Coruña, en horario de 10:00 a 14:00 e que inclúe dúas mesas redondas (Innovación e Emprendemento, por unha banda, e Innovación e Desenvolvemento, pola outra), con algúns dos principais representantes do noso tecido tecnolóxico de vangarda. Intervirán, entre outros, os representantes de R, Nasas, Texas Controls ou Confirmsign.com. Organiza a Fundación Universidade da Coruña en colaboración coa Deputación e co Concello.
As actividades comezan ás 10.00 coa apertura do foro en si mesmo, na que intervirán Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, Julio Abalde, reitor da UDC, Valentín González, presidente da Deputación, e Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC e secretario xeral de Inditex. A continuación será a presentación do comité organizador e, ao fío das 11.00 horas, comezará a primeira das mesas redondas, na que intervirán Ricardo Álvarez (director de Desenvolvemento e Negocios Internacionais de Netex), Nerea Sánchez Rocha (responsábel de Administración e Xestión de Proxectos de Cetim), Roberto Fraga (director executivo e fundador de Pilgrim Global Solutions), Fátima Carmena (directora de Proxectos de Márketing de Nasas) e Alberto Lema Suárez (concelleiro de Emrpego e Economía Social da Coruña).
Arredor das 12.30 e logo dunha pausa para o café, comezará a segunda das mesas contando coa presenza de Antonio Rodríguez Del Corral (director de Innovación e Desenvolvemento de Negocio de R), José Valiño Blanco (director xeral de IT, Procesos e Operacións de Abanca), Frank Fernández (director executivo e fundador de Texas Controls), Frankie Gómez (director executivo e fundador de Confirmsign.com) e Horacio Naveira (Vicerreitoría Investigación e Transferencia da UDC).

PUBLICIDADE