A Coruña acolle as primeiras gravacións para o Arquivo da Experiencia

xoves, 25 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Os centros cívicos de Monte Alto e San Diego na cidade de A Coruña son os lugares elixidos para comezar esta semana as gravacións do Arquivo da Experiencia, que é unha iniciativa destinada a recompilar documentos e testemuños de persoas de máis de 55 anos para construír unha fonte de información e enriquecer a memoria histórica colectiva.


Vídeo de presentación do Arquivo da Experiencia

O Arquivo da Experiencia percorrerá toda España, pero comezou a súa andaina pola cidade herculina, onde nos vindeiros días se trasladará ós centros cívicos de Labañou e Os Mallos. As gravacións continuarán ata o 22 de novembro, e os coruñeses nados antes de 1953 poden concertar cita para contribuír ó Arquivo chamando ó teléfono de información municipal (010). As entrevistas durarán uns 25 minutos e agardan a participación dunhas 1.800 persoas.
Esta iniciativa está impulsada dende a Concellería de Asuntos Sociais, dirixida por Silvia Longueira, a través da entidade Red.es do Ministerio de Industria. Longueira subliñou a importancia de iniciativas como esta para a creación de arquivos paralelos ó arquivo histórico tradicional, así como a elección de A Coruña como cidade pioneira neste proxecto de conservación da memoria colectiva.
Despois de A Coruña, o Arquivo da Experiencia pasará ás cidades de Cuenca, Cartaxena, Barcelona, Parla, Cornellá e Córdoba. Tódolos contidos captados editaranse en pequenos arquivos de imaxe e son duns 10 minutos cada un que se poderán consultar a través da Internet.
No futuro tamén se agarda que calquera cidadán poida achegar contidos e testemuños ó Arquivo a través da Rede.

PUBLICIDADE