A Coruña achega ao seu novo empresariado ás utilidades produtivas das TIC

venres, 9 de setembro do 2016 Redacción

O Concello da Coruña inicia este 12 de setembro unha serie de actividades formativas sobre o potencial das novas tecnoloxías para as nosas firmas e profesionais. O programa de accións ábrese na devandita xornada co Curso Aplicacións de Google, impulsado como todos os demais pola Concellería de Emprego e Economía Social que dirixe Alberto Lema. Encamíñanse sobre todo ao novo empresariado dos viveiros municipais aínda que tamén terán cabida nos diferentes obradoiros emprendedoras/es en xeral que “queiran mellorar a xestión dos seus proxectos”. Segundo informa a Concellería, arestora teñen aberto un novo prazo de inscrición.
As xornadas e cursos que se realizarán versarán sobre identidade dixital e sinatura electrónica, a Lei orgánica de protección de datos persoais, os apoios financeiros para as PEME galegas, as claves para atraer novos clientes e para favorecer a internacionalización das PEME, aplicacións de Google, inglés comercial, elaboración de orzamentos e facturas, elaboración do plan comercial da empresa e habilidades de comunicación. Esta convocatoria, na que se realizarán un total de dez accións formativas, impartirase no Centro Municipal de Empresas da Grela a partir do día 12 de setembro.
A inscrición nestas xornadas e cursos é totalmente gratuíta, e pode realizarse a través da páxina web municipal coruna.gal/empleo. Para obter máis información sobre a devandita convocatoria, as persoas interesadas tamén poden chamar ao teléfono 981 184 399.

PUBLICIDADE