A Consellería de Traballo habilitou xa 133 oficinas dixitais de emprego

mércores, 8 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Procurar emprego a día de hoxe –paradoxalmente- leva decote unha chea de traballo extra e de esforzos. A cuestión agrávase se –polos motivos que sexan- non contamos con tempo nin con método de transporte a man para buscalo. Por exemplo: se temos un traballo temporal que remata en breve e un xefe que nos esixe encher formularios oficiais cada vez que queremos ir ós servizos, por poñer un caso. Co fin de acurtar na medida do posible a distancia que afasta ós demandantes do emprego dos empregos, a Consellería de Traballo segue a apostar polos Puntos de Información Dixital (PID) repartidos por todo o territorio galego, que a día de hoxe chegan á cifra de 133.
Así o fixo saber este mércores nun comunicado, no que tamén se fai referencia ás súas características técnicas: trátase de dispositivos informáticos con lectura de pegada dixital e feitura de caixeiros de banco e que permiten ós usuarios acceder ó Portal de Emprego da Consellería (na imaxe) e, entre outras cousas, renovar a tarxeta do paro, consultar as ofertas ou modificar o currículo.
Para usalos, lembra o departamento da Xunta, unicamente é preciso un trámite na oficina de emprego correspondente: o de solicitar a habilitación da pegada dixital. Unha vez feito isto poderemos usar calquera dos PID distribuídos pola nosa xeografía, encamiñados a rematar coa obriga de acudir de xeito periódico á oficina de emprego para facer calquera tipo de trámite.
Nestes intres hai 46 Puntos de Información Dixital na provincia da Coruña, 26 en Lugo, 27 en Ourense e 34 en Pontevedra. O obxectivo é chegar aos 198 Puntos de Información Dixital en toda Galicia. Na nota de prensa achegada pola Consellería de Traballo inclúese a listaxe completa de emprazamentos dos 133 dispositivos en funcionamento.

PUBLICIDADE