A Consellaría do Mar crea unha ferramenta web para achegar información do sector aos bateeiros

mércores, 26 de xaneiro do 2011 Redacción

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada do director xeral de Competitividade e Innovación, Juan Maneiro, e da directora do Intecmar, Covadonga Salagado presentou esta mañá en Vilagarcía de Arousa a Comisión do Mexillón e unha ferramenta web creada pola súa Consellería para facilitar aos bateeiros o acceso directo á información do sector, idea que xorde en paralelo á Comisión.
Rosa Quintana explicou que a creación desta web supón un avance no compromiso de transparencia que o seu departamento ten co sector mitilicultor, xa que, segundo incidiu, «poderán ter acceso a ela todos os titulares de bateas de Galicia». Para iso a Consellería do Mar distribuirá nos próximos días máis de 2.000 nomes de usuario e contrasinais. Deste xeito, os usuarios poderán acceder a través deste espazo ás actas das xuntanzas da comisión, á lexislación que atinxe ao sector mitilicultor e a documentación informativa para o desenvolvemento da súa actividade.
A conselleira sinalou que esta ferramenta é un complemento á actividade da Comisión do Mexillón, órgano que nace como canle de comunicación entre o sector e a administración para que esta se asesore dos temas administrativos e das necesidades reais do sector.

PUBLICIDADE