A Confederación de Empresarios de Lugo e o CTIC traballan xa para presentar proxectos ao Horizon 2020

luns, 11 de maio do 2015 Redacción

O secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, e o presidente da Fundación CEL Iniciativas por Lugo, Luís García Santalla, mantiveron a semana pasada un encontro con Pablo Priesca, director xeral da Fundación CTIC, e persoal técnico deste centro tecnolóxico para o estudo e preparación de proxectos a presentar conxuntamente no marco dos fondos Horizon 2020. Segundo informa a organización empresarial lucense, están a perfilarse nestes intres diferentes liñas de traballo ao respecto, tanto coa Fundación CTIC como con outras institucións. Todas estas liñas, engade, pasan polo desenvolvemento de iniciativas centradas nos eixos prioritarios de Horizon 2020.
No caso da provincia de Lugo, estes eixos diríxense a impulsar sectores como o agroalimentario ou o turístico e “á posta en marcha de proxectos que contribúan a fixar poboación e a loitar contra o envellecemento”, explican fontes da CEL, que engaden que a Fundación CTIC (Centro Tecnolóxico da Información e a Comunicación), é unha entidade situada en Xixón con ampla traxectoria de traballo ligado ao desenvolvemento e difusión de novas tecnoloxías, ademais de ser unha oficina de referencia na xestión de fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos de innovación e TIC no ámbito nacional e internacional.
Como lembraremos, a comezos de ano a organización lucense e a entidade asturiana subscribiron un acordo de colaboración para impulsar o desenvolvemento de accións conxuntas no ámbito da innovación e as novas tecnoloxías dirixidas ás PEME e microempresas da dita provincia galega. O acordo apoiouse en boa medida nunha baza a ter moi en conta: a vantaxe que supón de cara á Unión Europea a presentación de proxectos de índole interrexional (neste caso proxectos galego-asturianos).

PUBLICIDADE