A Confederación Pirata comeza a dar forma á listaxe de seu para as eleccións ao Parlamento Europeo

martes, 7 de xaneiro do 2014 Redacción

A Confederación Pirata, unión dos diferentes Partidos Pirata do Estado, abriu este luns 6 de xaneiro o seu proceso de elección da listaxe de representantes para as eleccións ao Parlamento Europeo en 2014. O proceso, que a Confederación cualifica de “transparente, aberto e plenamente democrático”, en consonancia cos valores que fixeron posíbel esta agrupación política (a aplicación a tódolos niveis dos valores que alentan os movementos de liberdade en liña, ciberactivismo e software libre, entre outros), fica aberto tanto a simpatizantes como a afiliados dos partidos da Confederación Pirata.
Segundo informan, calquera interesado poderá presentar a súa candidatura e, á súa vez, votar entre aquelas que lle parezan máis axeitadas. Desa maneira a Confederación ofrece a todas as persoas “a posibilidade de participar plenamente na política reflectindo así a nivel interno o seu defensa da democracia directa”.
A votación realizarase en dúas fases, unha para a elección do tres primeiros candidatos e outra para o resto da listaxe. Ademais, os pre-candidatos realizarán unha campaña electoral pública durante dúas semanas para abrir aínda máis o proceso. Este proceso concluirá o 23 de marzo coa presentación da lista electoral completa durante a primeira asemblea xeral da Confederación Pirata.

PUBLICIDADE