A Comisión Sinde emprende medidas contra Goear e ExVagos

luns, 25 de abril do 2016 Marcus Fernández

Dende fóra de España ou a través de VPN continúa a estar accesible Goear.com

Tras moito tempo sen saber de actuacións da Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual, máis coñecida polo alcume de Comisión Sinde, chegan case de vez dous bloqueos de páxinas moi coñecidas (Goear e ExVagos) con consecuencias moi diferentes e non ausentes de polémica.

Goear: un aparente bloqueo inxustificado

Goear denuncia a actuación da Comisión Sinde na súa páxina de Facebook

Por unha banda Goear está inaccesible só dende España despois de que a Comisión decidise mediante o seu procedemento administrativo cheo de eivas que dende Goear.com vulneraban os dereitos de propiedade intelectual, entendendo tamén que cortar o seu acceso de xeito xeral aos usuarios españois non suporía un atentado aos dereitos fundamentais dos seus usuarios (algo moi difícil de xustificar por esta canle, xa que en Goear figuran música, podcasts, gravacións de programas de radio e moitos outros documentos sonoros publicados polos seus propios autores, que agora ven vulnerados os seus dereitos sen garantías xudiciais).
Dende Goear denuncian que o proceder da Comisión foi moi irregular, xa que primeiro esixíronlle a retirada dunhas cen mil ligazóns tras unha reclamación de AGEDI, petición que foi atendida, ao que contestaron dando conta doutra serie de ligazóns que vulnerarían a propiedade intelectual, dando a entender que dende o organismo dependente do Ministerio de Cultura ignoraron que Goear estaba a colaborar coas peticións da Comisión e, sen entender á boa disposición da compañía, procederon ao bloqueo do servizo dende España.
Para facer efectiva a aparentemente inxusta decisión da Comisión, o 21 de abril o xuíz da Audiencia Nacional decretou o bloqueo de Goear.com, que actualmente é efectivo, e ante o que Goear está a emprender medidas contra os responsables do que consideran un acto de censura inxustificado.

ExVagos: a Hidra de Lerna

ExVagos activa un novo nome de dominio para evitar os bloqueos actuais

O caso de ExVagos.com é bastante diferente, xa que este coñecido foro no que é habitual o intercambio de arquivos protexidos por dereitos de propiedade intelectual, e que xa tivera que mudar de nome de dominio (anteriormente respondía a ExVagos.es) volveu repetir a xogada, de xeito tras a solicitude de bloqueo por parte da Comisión Sinde (do que souberon tras ver como os usuarios que accedían á súa páxina dende Vodafone e Movistar en España non podían acceder aos seus contidos) optaron pola solución máis doada, e mudar de nome de dominio, de xeito que agora a súa páxina web está tamén dispoñible a través de ExVagos.tv, de xeito que o bloqueo deste foro non durou nin un día.

Bloqueo só dende España

En ambos casos os bloqueos só eran efectivos no territorio español, o que ten solucións moi doadas, que van dende empregar servidores de DNS distintos aos do noso provedor de acceso (por exemplo, os servidores de DNS públicos de Google) ou incluso o emprego dunha VPN (como a que integra a última versión para desenvolvedores do navegador Opera), pero que ante reaccións como a de ExVagos, na que ante o corte dunha cabeza da hidra medran dúas, demóstrase que este tipo de actuación non dá os resultados esperados, e xogar ao rato e o gato con este tipo de espazos na web (cunha xigantesca comunidade de usuarios que poden reorganizarse rapidamente) resulta pouco efectivo.

PUBLICIDADE