A Comisión Europea considera que Apple Pay atenta contra a competencia

luns, 2 de maio do 2022 Marcus Fernández

Arianna Podesta e Margrethe Vestager na comparecencia desta mañá

A Comisión Europea vén de comunicar a Apple que considera que a compañía de Cupertino abusou da súa posición dominante no mercado dos sistemas de pagamento móbil en dispositivos con iOS ao limitar o acceso á tecnoloxía de pagamento sen contacto (NFC) ao impedir que outras compañías poidan contar cos seus propios sistemas de pagamento contactless nos iPhone, iPad e Apple watch e forcen aos usuarios a empregar Apple Pay.
Margrethe Vestager, responsable europea no ámbito da competencia, asegurou que «os pagamentos móbiles xogan un rol de grande crecemento na nosa economía dixital. Temos indicios de que Apple limita o acceso a terceiros á tecnoloxía clave para desenvolver solucións de pagamento móbil competidoras en dispositivos de Apple», de aí que consideran que Apple está a limitar a competencia e tal conduta «podería ser ilegal baixo as nosas normas de competencia».
O comunicado de hoxe refírese unicamente aos pagamentos mediante NFC, pois a Comisión Europea tamén está a investigar outras prácticas anti-competitivas de Apple con respecto ao acceso a Apple Pay por parte de compañías distintas de Apple.

PUBLICIDADE