A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico de Santiago dá luz verde á segunda fase do proxecto de fibra óptica

martes, 3 de novembro do 2020 S. P.

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico de Santiago, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, vén de informar de xeito favorábel da fase segunda do despregue da fibra óptica na zona vella da cidade. O segundo treito do Proxecto de infraestrutura de telecomunicacións para o despregue de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela conta cun orzamento de execución material de 27.303,21 euros.
O proxecto contempla o despregue da fibra óptica en distintas rúas, entre elas a rúa do Vilar, rúa Nova, Entrerrúas, praza do Toural, Bautizados, praza de Fonseca, rúa do Franco, rúa de Fonseca, rua Raíña, travesa do Franco, rúa Rodrígo de Padrón, Entrecercas, porta Faxeira, avenida Figueroa, campo da Estrela, rúa Senra, praza de Fonterrabía, ruela do Peso, cantón do Toural, rúa das Orfas, e Entremurallas.
O obxectivo, segundo o proxecto, é dar cobertura ao 100% dos posíbeis usuarios existentes no ámbito, “evitando así a necesidade de futuras ampliacións”. Para iso a empresa de telecomunicacións devandita incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a redución do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada “de xeito favorábel”, aínda que con condicións, entre as que destacan:
- As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de escavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos terán que ser realizados polo Consorcio de Santiago.
- Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.
- As novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.
- O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.
- As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento.
- A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

PUBLICIDADE