A Cidade da Cultura convídanos a facer un gran mural audiovisual sobre Carvalho Calero

luns, 4 de maio do 2020 S. P.

A cultura segue, e faino nas nosas casas e nas redes. Tendo en conta esta gran praza segura de actividade cultural e comunicativa que é Internet, a Cidade da Cultura de Galicia acordou celebrar o vindeiro 17 de maio, a edición 2020 do Día das Letras Galegas adicada ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero, cunha lectura participativa online de textos do autor homenaxeado. A actividade está aberta a toda a cidadanía. O único que se pide é compartir un pequeno vídeo lendo un texto do escritor. O audiovisual co que contribuamos será a pequena-gran parte dun todo: un gran mural con imaxes e sons que se publicará nas redes o vindeiro 17 de maio con todas as achegas recibidas.
A iniciativa deste mural colectivo online enmárcase na campaña #aculturasegue, promovida pola Xunta de Galicia para ofrecer diversas actividades de lecer e formación en liña na situación actual de alerta sanitaria.
A escolma de textos para esta lectura participativa está realizada pola poeta Pilar Pallarés, recoñecida en 2019 co Premio Nacional de Poesía polo seu libro Tempo Fósil. Nesta escolla inclúese unha completa mostra da ampla produción literaria de Carvalho Calero, desde poesía, teatro, ensaio ou narrativa.
As persoas interesadas en participar poderán descargar a proposta de textos na web da Cidade da Cultura e enviar un vídeo antes do 11 de maio ao enderezo electrónico prensa@cidadedacultura.org. Ao igual que se fixo en anos anteriores con escritos de María Victoria Moreno e Antonio Fraguas, as lecturas dos textos de Carvalho Calero serán incluídas nun audiovisual que recompile todos os fragmentos. Para festexar o día grande das nosas letras, esta peza será emitida en liña polas diferentes redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook, Twitter e Instagram). “Será un xeito de contribuír a pór en valor o labor do autor ferrolán para dignificar o idioma e a cultura galega, e de espallar o seu prolífico traballo como historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor a calquera recuncho do planeta”, explicou a dirección do complexo cultural do Gaiás, en Santiago.
Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910 e faleceu en 1990 en Santiago de Compostela. A Real Academia Galega salienta da súa figura o seu compromiso galeguista, que o levou mesmo a sufrir cárcere tras a guerra civil; a súa faceta de creador literario nos eidos da poesía, da narrativa e do teatro; o seu labor no campo da historia literaria galega, do que pode considerarse fundador coa monumental Historia da literatura galega contemporánea (1963); o feito de ser o primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e a influencia, nos últimos anos da súa vida, das súas ideas sobre a lingua propia de Galicia.
A traxectoria de Ricardo Carvalho Calero pode rastrexarse nas numerosas institucións e entidades vinculadas á lingua e á cultura galegas das que formou parte ou que recoñeceron o seu labor. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, da Real Academia Galega e da Academia de Ciências de Lisboa, ademais de membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua (AGAL); dirixiu o colexio Fingoi; participou activamente nas actividades do Grupo Galaxia; foi recoñecido coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1984) e declarado Fillo Predilecto de Ferrol (1990).

PUBLICIDADE