A Cidade da Cultura contará cun macrocomputador para a súa xestión

luns, 12 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

O polémico complexo de Gaiás, lonxe de todas as discusións que se poidan facer sobre a súa pertinencia (e son moitas), conta con potencial para ser un foco de innovación. Máis polo miúdo, e segundo conta estes días El Correo Gallego, unha parte importante deste compoñente tecnolóxico irá encamiñado a favorecer a xestión integral do complexo: en definitiva, coma pór en marcha un gran mando a distancia que, amais diso, tamén teña feitura de gran cerebro dixital. Concretamente, e a falta de máis de un ano para que a Cidade da Cultura comece parcialmente o seu funcionamento (as primeiras achegas serán as do Arquivo Nacional e a Biblioteca), a entidade que leva as rendas das obras anunciou xa a súa intención de ter desenvolvido os aspectos de control antes có conxunto dos edificios propiamente dito. Esta arela en concreto por seguir unha orde natural que non sempre se segue (exemplos ao noso arredor hai abondos) terá diferentes faces visibles. Unha das máis salientables será a que achegue o macroordenador que exercerá de instrumento de control para a xestión do complexo.
Este equipamento, que segundo conta o dito xornal compostelán estaría operativo nun prazo de sesenta días, terá capacidade para chegar até o máis miúdo dos procedementos a seguir na Cidade da Cultura: dende o control da calefacción até a subida e baixada dos ascensores que irán integrados nos seis edificios do recinto. Amais deste gran cerebro de xestión, o complexo disporá de sete equipamentos tecnolóxicos máis de control, máis reducidos e específicos. A idea é habilitar un en cada edificio, ficando o sétimo para a central térmica e a galería de servizos. Sinalar que arestora están xa en funcionamento tres estacións de xestión. Segundo informa a Fundación Cidade da Cultura sobre quen está detrás destes traballos e con que recursos conta, dicir que a entidade vén de contratar á empresa Siemens mediante un concurso público que foi adxudicado por 95.000 euros.

PUBLICIDADE