A Chave 365 pode solicitarse na Casa de Galicia en Madrid

xoves, 31 de xaneiro do 2019 Redacción

A Casa de Galicia en Madrid súmase aos 444 centros públicos, entre oficinas de rexistro e centos de saúde, nos que se pode solicitar presencialmente o servizo Chave 365. O sistema, que entrou en funcionamento en 2015, simplifica a xestión telemática coa Administración facilitando uso de claves concertadas para realizar xestións en liña, ben a través da sede electrónica da Xunta ou para consultar os servizos dispoñibles na plataforma E-saúde.
A Xunta puxo en marcha esta servizo ante a dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías quedasen excluídas dos servizos electrónicos. En pouco máis de tres anos, máis de 118.000 persoas empregan Chave 365 como sistema de identificación e sinatura electrónica sinxelo con garantías de seguridade similares ao certificado electrónico.
Para acceder a Chave 365 o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben online a través da sede electrónica ou ben presencialmente en calquera dos 444 centros habilitados Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibe no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.
Toda a información sobre o uso de Chave365 está dispoñible no espazo eServizos da web da Xunta, así como o mapa coa distribución dos centros nos que se pode solicitar o servizo presencialmente.

PUBLICIDADE