A CeMIT de Ponteareas fomenta a conciliación e o envellecemento activo con novos obradoiros TIC

mércores, 5 de abril do 2023 S. P.

A Aula CeMIT do Concello de Ponteareas preparou para o mes de abril unha ampla programación de cursos e actividades arredor das tecnoloxías e das súas múltiples vantaxes. A primeira actividade é Xogando coas TIC, unha acción formativa aberta a todos os públicos pero deseñada especialmente para goce da mocidade durante a Semana Santa. A actividade desenvolverase os días 3, 4 e 5 de abril de 16.00 a 21.00 horas.
Outra das propostas para este abril será un curso de informática con dous niveis diferentes. No nivel I as clases impartiranse luns e mércores do 10 ao 26 de abril de 16.00 a 19.00 horas, mentres que as do nivel II serán os martes e xoves dende o 11 ao 27 de abril tamén en horario de 16.00 a 19.00 horas.
Trala Semana Santa a Aula CeMIT acollerá un obradoiro de memoria do 10 ao 13 de abril de 19.00 a 21.00 horas, mentres que do día 17 ao 27 se impartirá un curso de correo electrónico nese mesmo horario.
Na axenda tamén destaca unha nova actividade do Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica deseñada por investigadores e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela e destinada especialmente a persoas maiores para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do seu benestar físico e mental. O seu obxectivo é “promover un envellecemento activo a través da prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a promoción de hábitos de vida saudábeis”. A persoa usuaria convértese nun peregrino virtual que acaba de chegar ao albergue de Roncesvalles e que irá aprendendo estratexias para mellorar a saúde mentres avanza pola ruta do Camiño Francés cara a Santiago de Compostela. Desenvolverase os venres 14 e 21 de abril de 16.00 a 19.00 horas.
Como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, con estes cursos o Goberno municipal “quere achegar a tecnoloxía a veciñanza dun xeito consciente, responsábel e divertido ao tempo que promovemos a inclusión no seu uso, seguimos fomentando a formación e proporcionamos ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, tratando de reducir así cada día un pouco máis a fenda tecnolóxica”.

PUBLICIDADE