A Catedral de Santiago estrea unha audioguía para móbiles Android

martes, 5 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Da man da empresa sevillana Stendhal, encargada da xestión de reservas e venda de entradas para o Museo da Catedral de Santiago, chega unha aplicación para Android 2.3 ou superior que facilita a realización de visitas guiadas polo interior da basílica compostelá. Esta aplicación móbil de audioguía está dispoñible en varios idiomas (español, alemán, inglés, francés e italiano) e pretende completar o novo sistema de visitas culturais da Catedral de Santiago. Está á venda por 1,99 euros en Google Play (facilitándose a súa localización no Centro de Recepción de Visitantes e na Cripta do Pórtico da Gloria mediante códigos QR), e os seus responsables lembran que para escoitar as descricións dos contidos das exposicións da Catedral é preciso empregar auriculares. Dende Stendhal aseguran que está en preparación unha versión desta aplicación para iPhone.

PUBLICIDADE