A Catedral de Santiago celebra o seu 800º aniversario, tamén na Rede

xoves, 17 de marzo do 2011 Raquel Noya

O 21 de abril de 1211, o bispo Pedro Muñiz consagraba solemnemente a peza máis prezada do extenso patrimonio histórico e artístico que temos no noso país: a Catedral de Santiago de Compostela, meta de cristiáns e eixo da evolución da cultura, a arte e o pensamento na Europa medieval.
Agora, 800 anos máis tarde, a Catedral segue a ser o monumento máis emblemático de Galicia e un dos máis recoñecidos de Europa, polo que a celebración do seu aniversario tiña que traspasar fronteiras e chegar a onde nunca antes chegara a mensaxe do Apóstolo.
E que mellor maneira de facelo que botar man de Internet e as súas ferramentas?; dende o Consorcio de Santiago sábeno ben e xa apuraron a poñer en marcha unha web dende a cal dar conta de tódolos actos conmemorativos do 800º aniversario da consagración da Catedral e levalos alén dos nosos lindes.
Catedralsantiago800.com é un espazo virtual deseñado de maneira moi vistosa que non deixa de lado factores tan importantes para unha web como a funcionalidade ou a sinxeleza á hora de navegar.
Ademais dá conta dos actos de celebración que van ter lugar na cidade ao longo de todo o ano (achegados en forma de Axenda cultural), e inclúe información detallada sobre a historia da Catedral dende a súa construcción, así como fotografías da mesma e ligazóns ás institucións máis importantes que velan pola súa conservación.
Asemade, os e as responsables deste peculiar evento, veñen de crear perfiles do 800º Aniversario da Catedral en Facebook e Tuenti, dende onde informan das actividades programadas e animan a toda a cidadanía a que se unan ao primeiro destes actos de conmemoración: “achegarse ata a catedral o vindeiro día 9 de abril e circundala nunha aperta colectiva que demostre o agarimo que todos lle temos”.
As persoas que queiran participar na iniciativa xuntaranse na mañá do sábado 9 de abril ás 13:00 horas na praza da Quintana, onde se collerán das mans facendo unha cadea humana coa que rodear todo o perímetro da Catedral.
Dende o Consorcio calculan que “farán falla 800 persoas para rodear á Catedral, un número que coincide co 800º Aniversario e, aproximadamente, co número de quilómetros do Camiño Francés, dende Roncesvalles ata Compostela”.

PUBLICIDADE