A Catedral de Santiago achega aos fieis de todo o mundo un lampadario en liña

luns, 18 de xullo do 2016 Redacción

A Catedral de Santiago vén de impulsar unha iniciativa tecnolóxico-social, participativa e interactiva para achegar, en palabras da Fundación do mesmo nome, “o santuario xacobeo a todas as persoas, en calquera recanto do mundo”. Trátase, máis polo miúdo, da posta en marcha (dende hoxe mesmo) dun lampadario en liña a disposición de todos fieis que lles permitirá prender unha candea ao Apóstolo Santiago.
Segundo informa a Fundación Catedral de Santiago, poderemos acender unha lámpada de maneira virtual dende un computador ou dende un dispositivo intelixente (smartphone), esteamos onde esteamos.
Por certo que a candea que prendamos ficará acesa 48 horas. Unha vez acesa, poderemos compartila para que outras persoas axuden a mantela e “que non se apague”, explica a devandita entidade, que engade que o servizo permite compartir a nosa candea en redes sociais. Respecto do funcionamento da ferramenta, dicir que abonda con acender velas na devandita web e escribir unhas intencións ou oración, para que acompañe o proceso de acendido.

PUBLICIDADE