A Cátedra de Arqueoloxía do Campus de Ferrol estrea páxina web

venres, 17 de febreiro do 2023 S. P.

A Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, posta en marcha en setembro de 2022 en virtude dun convenio entre o Concello ferrolán e a Universidade da Coruña (UDC), presentou este 17 de febreiro importantes novidades relativas ao seu programa anual de actividades. Entre as novidades atópase a estrea da súa páxina web. Podémola ver en catedradearqueoloxia.com.
O novo sitio conta (entre outros apartados de interese) cunha sección de notas con pílulas semanais coas que “coñecer nun minuto diversos temas sobre arqueoloxía e publica todas as actividades previstas para as próximas datas, entre outros asuntos de interese”, segundo fixeron saber os responsábeis da cátedra na presentación da súa axenda anual.
Trátase dunha web moi visual que pon o foco en achegar divulgación a través de diverso material multimedia. A páxina, que se ofrece en galego, ten os seguintes apartados: inicio, actividades, arqueódromo, escola, notas, oriente e contacto. Dende o novo sitio tamén se potencian os obxectivos principais da cátedra: formación en arqueoloxía e historia mediante prácticas de campo, fomentar a educación patrimonial (coa posta en marcha dunha aula didáctica provista dun arqueódromo para introducir ao público en idade escolar no mundo da arqueoloxía), impulsar a valorización de resultados investigadores (cooperación coa cidadanía) e dar azos á arqueoloxía participativa.

PUBLICIDADE