A Cátedra Telefónica da UVigo celebra unha década de logros formativos e investigadores

venres, 16 de xuño do 2023 S. P.

A Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo vén de cumprir dez anos de andaina e este xoves 15 compartiu algúns dos seus principais fitos, da man do reitor, Manuel Reigosa, e da directora de Telefónica de España en Galicia, Paula Beirán. Entre os grandes logros da Cátedra figura, ao seu xuízo, o acadado no pasado mes de maio cando, por segundo ano consecutivo, dous dos estudantes da UVigo, Pablo García e Martín Blanco, gañaron o LEDU STEM Cátedras Telefónica, un torneo para estudantes STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) promovido por Telefónica e a Liga Española de Debate Universitario (LEDU). Reigosa e Beirán tamén aproveitaron para renovar a colaboración que fai posíbel a Cátedra.
O acto de sinatura, celebrado no despacho do reitor e no que se contou coa participación do catedrático José Cidrás, coordinador desta cátedra na UVigo, serviu tamén como recepción aos gañadores do torneo LEDU STEM, Pablo García e Martín Blanco, que agradeceron o convite e os agasallos que lle foron entregados tanto por parte de Telefónica como da UVigo. Tras felicitar a estes alumnos polos “excelentes resultados” acadados nunha competición na que participaron 19 universidades de todo o territorio nacional, Paula R. Beirán expresou a satisfacción de Telefónica pola colaboración coa UVigo a través desta cátedra e a vontade da compañía de continuar a liña de traballo desenvolta ao longo de todos estes anos.
O reitor admitiu estar “moi satisfeito” cos resultados que se están a acadar e, neste sentido, amosouse convencido de que “a Universidade ten que medrar a través da colaboración público-privada”, ao que engadiu que “ao longo destes dez anos foron xurdindo diferentes iniciativas exitosas que fan que a nosa Universidade sexa mellor”.
Polo que respeta ao torneo LEDU STEM Cátedras Telefónica, lembraron que ten como obxectivo fomentar as habilidades transversais (soft skills) nos futuros líderes dixitais, e a Cátedra da Universidade de Vigo non só o gañou en dúas ocasións, senón que na súa primeira edición quedou tamén finalista, “un éxito sen precedentes entre a rede española de Cátedras Telefónica”, explicaron, recordando que desta volta os responsábeis deste éxito foron os estudantes de enxeñaría Martín Blanco Prego e Pablo García Salgado, membros da asociación Retórica UVigo, que acudiron á competición como integrantes do equipo da Cátedra Telefónica Espacio de Innovación, que se impuxo ao da Cátedra Telefónica Intelixencia na Rede, da Universidade de Sevilla, nunha final celebrada en Madrid o pasado 12 de maio e na que debateron sobre se a dixitalización é ou non unha aliada da transición verde.
Múltiples actividades en 10 anos de Cátedra Telefónica na UVigo
Telefónica constituíu na Universidade de Vigo a súa cátedra homónima hai xa dez anos, co obxectivo de promover a aplicación das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación. Ao longo destes anos desenvolveu obradoiros e conferencias de interese para os alumnos (talleres de Arduino, xornada smart energy-smart city, seminarios sobre a plataforma MiríadaX e os MOOCs, etc) e participou, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, o congreso Smart Cities and Communities ou no encontro Hack for Good.
A día de hoxe Telefónica ten cátedras en 25 universidades españolas. Cada unha delas mantén a súa especialización, pero o obxectivo común é que a rede se constitúa como unha sorte de Think Tank de referencia no estudo do impacto das TIC na sociedade, sendo un dos seus obxectivos prioritarios a divulgación e comunicación dos resultados máis relevantes.

PUBLICIDADE