A Cátedra Feminismos 4.0 financia cinco proxectos para combater o machismo dixital

martes, 2 de agosto do 2022 S. P.

A Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo para impulsar iniciativas coas que combater a fenda dixital de xénero, destina 24.772 euros a financiar cinco proxectos de investigación centrados en estudos feministas e de xénero nun contexto tecnolóxico. A convocatoria, que se abriu o pasado mes, está destinada a grupos e a persoal investigador doutor dos campus de Vigo e Pontevedra e, finalmente a comisión avaliadora seleccionou estas cinco iniciativas que se centran principalmente nas redes sociais, aínda que tamén abordan outras temáticas como a ciencia climática ou o industria do videoxogo.
Segundo informaron a Deputación e a UVigo, un dos obxectivos destas axudas é “contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á I+D no sistema universitario galego”. Por este motivo, para a resolución destas axudas valorouse o peso relativo que as mulleres teñen nas propostas presentadas, “de xeito que se potencia o seu número e a calidade do seu traballo”, como se recolle nas bases. Finalmente, a comisión avaliadora seleccionou coa puntuación máxima de 10 puntos, o proxecto Unha mirada feminista á alborada da ciencia climática: Pescuda, interpretación, valoración e réplica dos experimentos e achegas de Eunice Newton Foote en 1856. Esta iniciativa, liderada por Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, recibirá unha achega de 5884,20€.
Cunha puntuación de 9,3, tamén forma parte deste programa de axudas o proxecto Toxicidade e violencias machistas en Instagram. Incidencia e percepción entre o alumnado da Universidade de Vigo, liderado polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Rolán, que recibirá 5472,42€.
O xurado tamén seleccionou, cunha valoración de 8,2 puntos, a investigación Identificación automatizada de comentarios sexistas en las redes sociales, mediante técnicas de IA. Taller demostrativo en institutos de secundaria del área de Pontevedra. A proposta de Ana Fernández Vilas, investigadora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, será financiada con 4825,14€. Case coa mesma puntuación, 8,1, foi seleccionado o proxecto As que están e as que marcharon: Mulleres e migracións na industria do videoxogo que poderá ter unha axuda de 4766,30€ da man de Sara María Torres. Finalmente, o estudo Carapuchiña e a pantalla feroz: identidades de xénero nas redes sociais, liderado pola catedrática da Facultade de Filoloxía e Tradución Veljka Ruzicka acadou unha puntuación de 6,5 e recibirá 3824,81€.

PUBLICIDADE