A Casa do Mapa da Coruña lanza unha aplicación para xerar mapas ou fotos aéreas personalizadas

mércores, 6 de setembro do 2023 S. P.

A Casa do Mapa da Coruña ofrece un servizo de impresión no momento dispoñíbel en castelán, galego, catalán, éuscaro e inglés. Trátase do Mapa á Carta, unha aplicación web que permite aos usuarios xerar mapas e fotos aéreas personalizadas e situadas en calquera localización dentro do territorio nacional, de xeito que pasa de ser un lector de cartografía a ser un deseñador dos teus propios mapas e fotos áreas. A ferramenta emprega como base o Mapa Topográfico Nacional 1.25.000 ou 1.50.000 do IGN, ou as fotos aéreas do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA).
Con mapa á carta créanse mapas personalizados, onde o usuario pode localizar e centrarse na zona do territorio que desexe; cambiar a escala e engadir distintas cuadrículas; personalizar a cartela, título e subtítulo; e debuxar puntos, liñas e polígonos que poden ser rotulados, ou ben inserir outros datos xeográficos propios ou incorporar directamente os roteiros de lecer e tempo libre do Centro de Descargas do CNIG.
A aplicación ofrece a posibilidade de crear catro produtos:
1. Mapa rápido: para personalizar o mapa en poucos clics.
2. Mapa elaborado: a versión máis avanzada e con maior configuración para un mapa tradicional con cartela.
3. Mapa póster: para crear un mapa ideal para enmarcar, sen cartela nin lenda.
4. Foto á carta: para personalizar un póster coa foto aérea da zona elixida.
Unha vez xerado o PDF de alta calidade, o usuario pode imprimilo, descargalo de maneira cen por cen de balde, enviar unha ligazón a outra persoa ou encargar un número determinado de copias en papel en diferentes acabados para ser impresos na Casa do Mapa da Coruña en papel normal e satinado.
Tamén se pode solicitar a impresión nos talleres cartográficos do IGN noutro tipo de acabados, como o papel fotográfico ou en material ríxido pensado para decoración.
A aplicación atópase xa dispoñíbel en liña.
Para facilitar o seu uso, a aplicación acompáñase de vídeos explicativos sobre o proceso de elaboración de mapas á carta.
“Este servizo abre un amplo abanico de posibilidades de uso adaptado ás necesidades dos usuarios en actividades deportivas, de lecer e tempo libre, protección civil, seguridade cidadá, servizos de salvamento, etc”, explican dende a Casa do Mapa do Coruña, salientado a posibilidade de definir a fracción de territorio que vai conter o mapa, amais do fondo cartográfico, ao que se suma a opción de introducir textos, roteiros, puntos singulares ou áreas de interese, etc.

PUBLICIDADE