A Casa da Muller de Lugo promove a igualdade de xénero cun certame en TikTok

mércores, 17 de febreiro do 2021 Redacción

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Muller e Xuventude que dirixe Ana Abelleira, vén de pór en marcha un certame en TikTok para promover a igualdade e poñer o foco en sensibilizar e concienciar á xente nova, que é a franxa de idade que máis presenza ten na devandita rede social. O concurso Lugo pola igualdade, lanzado co cancelo #Lugopolaigualdade, consistirá en tirar abaixo comportamentos machistas a través dunha chuvia de vídeos en Tik Tok.
Este certame forma parte dos actos organizados pola Casa da Muller, e que se presentarán os vindeiros días, para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Tal e como explicou Ana Abelleira, para participar nesta iniciativa non é necesario dispoñer de equipos profesionais, abonda cun teléfono móbil e “unha boa historia que contar”. Para facelo, as persoas interesadas terán que subir un vídeo á plataforma co cancelo do concurso e cubrir cos datos un formulación de inscrición nun sitio específico habilitado, onde tamén se poden consultar as bases.
A temática xira ao redor da igualdade de xénero, ben sexa igualdade no deporte, en oportunidades laborais, en tarefas domésticas, denuncia de relacións tóxicas, empoderamento ou detección de micromachismo, entre outros. A duración máximo dos vídeos será de 60 segundos e pódense empregar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social TikTok.
Premios e inscrición
O certame conta don dous premios, un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo dotado con 100 euros. A data límite para a inscrición é o 10 de marzo de 2021 e as persoas gañadoras daranse a coñecer o 16 de marzo. Como requisito, é necesario que a persoa participante viva, estude, traballe ou nacera en Lugo.

PUBLICIDADE