A Casa-Museo de Rosalía de Castro estrea arquivo informatizado

mércores, 30 de decembro do 2015 Redacción

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, visitou esta mañá a Casa-Museo para coñecer as actuacións levadas a cabo, que lle permiten á Casa de Rosalía estrear arquivo informatizado con toda a súa documentación histórica ao dispor dos investigadores e das investigadoras.

A Fundación Rosalía de Castro abre o arquivo da Casa-Museo logo de rematar a primeira fase de organización, clasificación, descrición e instalación dos fondos documentais desta institución e coincidindo co 50 cabodano do pasamento de Xosé Mosquera, o principal impulsor da Casa-Museo.

Os traballos, que se levaron a cabo este ano entre os meses de setembro e de novembro, contaron cun apoio de 4.000 euros da Consellería de Cultura e Educación, a través da liña de axudas para a mellora dos arquivos universitarios, de entes locais e de entidades sen fin de lucro de Galicia.

Os traballos favorecerán un maior coñecemento dos fondos, poñelos en valor, garantir a súa adecuada xestión e conservación, e ampliar as súas posibilidades de consulta. E é que desde hoxe xa está accesible para a comunidade investigadora toda a documentación histórica do arquivo, é dicir, a parte máis relevante dos fondos. Calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e ás súas bases de datos, ordenados e catalogados.

Mellora dos arquivos universitarios, locais e de entidades sen fin de lucro

A Consellería de Cultura e Educación é o órgano encargado da dirección e coordinación do exercicio das competencias da Xunta de Galicia relativa ao sistema de arquivos de Galicia. A través da Secretaría Xeral de Cultura, o departamento vén reforzando a protección, conservación e difusión do patrimonio documental de Galicia mediante unha convocatoria de axudas que ten como obxectivo colaborar no financiamento de actuacións que garantan a organización, descrición e dixitalización dos fondos documentais, así como a mellora das instalacións dos arquivos universitarios galegos, dos arquivos de entes locais (concellos, principalmente) e das entidades sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado ao arquivo e que custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.

En 2015, adxudicáronse a través desta liña de subvencións (dotada con 77.740 euros), axudas para un total de 14 proxectos, entre os que se inclúen, xunto co da Fundación Rosalía de Castro, os presentados polas universidades da Coruña e de Santiago de Compostela, polos concellos de Arzúa, Ortigueira e Boimorto, polo Bispado de Tui-Vigo e polas fundacións Xaime Isla Couto, Penzol e Uxío Novoneyra.

PUBLICIDADE