A Casa-Museo Manuel María e a Deputación de Lugo premian os mellores videopoemas da nosa mocidade

luns, 21 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente resolvéronse os galardóns da segunda edición do Concurso de Videopoemas da Casa-Museo Manuel María, un certame a través do que se convidou á mocidade a achegar ás redes contidos audiovisuais sobre composicións poéticas de Manuel María e Rosalía de Castro. O xurado do concurso, no que colaborou a Deputación de Lugo, decidiu entregar os premios a Xiana Collazo Rial, do CPEI Eusebio Lorenzo Baleirón de Drodo, co videopoema Lúa descolorida, e a Sara Casanova Martínez, do IES de Quiroga, co videopoema Negra Sombra. Nesta edición participaron un total de 17 de traballos de toda Galicia. Pódense ver as achegas galardoadas na web da Casa-Museo.
O xurado do certame estivo composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo. Segundo fixeron saber, Lúa descolorida salientou polo “seu exquisito uso da linguaxe audiovisual e pola coherencia nos versos escollidos, que, con excelentes metáforas visuais, consegue transmitirnos unha historia”. Polo que respecta ao videopoema Negra sombra, resaltou “as súas estupendas metáforas visuais, unha moi suxestiva utilización da cor e unha excelente montaxe para nos ofrecer a interpretación do poema”.
Asemade, o xurado enxalzou a alta calidade alcanzada nesta edición, a diversidade de temáticas presentadas e o feito de que se estenda o concurso polos distintos centros educativos do país, “o que é unha mostra da súa consolidación”.
No acto de entrega de galardóns, que se celebrou na Casa Manuel María de Outeiro de Rei, participou a deputada de Cultura, Pilar Garcia Porto, quen felicitou ás/aos participantes neste proxecto “tan innovador e ao mesmo tempo tan cheo de creatividade, e que ademais, contribúe de xeito significativo a engrandecer o noso idioma”.

PUBLICIDADE