A Campus do Mar estrea a súa propia canle de televisión na Rede

luns, 11 de outubro do 2010 Raquel Noya

O Campus do Mar, a iniciativa da Universidade de Vigo que pasa por converterse na “maior agrupación estratéxica en investigación e ciencia mariña de toda España” (en palabras do propio rector da entidade académica, Salustiano Mato), xa conta coa súa propia canle de televisión na Rede, “a primeira pedra”, segundo apuntan dende a Universidade, dun proxecto moito maior que é o Campus Dixital do Mar.
Este proxecto comprende un conxunto de servizos dixitais de e-colaboración, videoconferencia avanzada, teleensino e a recén estreada WebTV, que garanten que todo o que suceda no Campus do Mar teña tamén presenza audiovisual.
A web deuse a coñecer o pasado venres, da man da profesora da Universidade de Northearstern, Milica Stojanovic, quen, a través de videoconferencia inugurou o servizo en liña do Campus do Mar cun relatorio sobre comunicacións submarinas, unha das liñas de investigación que se impulsarán neste proxecto.
Esta ferramenta, coma todas as que se xestan dende a Rede, nace para proporcionalle á comunidade universitaria un punto de encontro virtual común, ao que achegarse de maneira doada e poñerse en contacto con outros internautas sen ter que estar fisicamente no mesmo lugar.
Xa que logo, o principal obxectivo do Campus Dixital do Mar (DigiMAR) é proveer aos integrantes do Campus do Mar (formado por maís de 3000 investigadores) dun conxunto de “espazos dixitais” que apoien o seu labor investigador e docente, ao tempo que os dan a coñecer á sociedade en xeral interesada no coñecemento relacionado co mar.
WebTV do Campus do Mar contará coa súa propia unidade de producións audiovisuais docentes e de contidos de divulgación científica e, entre outras cousas, emitirá tanto programas pensados para o público en xeral como outros de carácter máis avanzado dirixidos á comunidade científica.
Porén a maior utilidade desta nova web de TV será a posibilidade de compartir en liña coñecemento, así como asistir a relatorios e conferencias relacionadas co medio mariño a través de videoconferencia, obtendo respostas inmediatas ás preguntas de cada investigador ou alumno.
A posta en marcha da WebTV do Campus do Mar, que en breve tamén contará cunha videoteca dixital en liña que dará acollida a teses de doutoramento, congresos, relatorios…, corre a cargo dun equipo de profesionais dos servizos informáticos da Universidade de Vigo con probada experiencia en xestión de redes, plataformas de e-learning e sistemas de WebTV e videoconferencia avanzada, que formarán a Unidade de Servizos Dixitais do Campus do Mar.
Esta unidade contará con equipos que se poderán desprazar ás sedes e campus dos socios e darán apoio aos profesores e investigadores para a creación de material audiovisual máis elaborado como animacións ou reportaxes encamiñados á transmisión e divulgación do coñecemento.

PUBLICIDADE