A Cámara mineira galega renova a súa web

mércores, 16 de xuño do 2010 Raquel Noya

A Cámara Oficial Mineira de Galicia, con sede na Coruña, vén de renovar a súa páxina web (creada alá polo ano 2005) a fin de convertela nunha ferramenta coa que potenciar e mellorar o coñecemento do seu sector no país; un sector que, segundo afirman, “representa aproximadamente o 1,5 por cento do Produto Interior Bruto Galego”.
Camaraminera.org renóvase pois co obxectivo de converterse nunha canle de información tanto para o empresariado mineiro galego como para a sociedade en xeral, así como para converterse nun punto de encontro de entidades e organismos vencellados á actividade extractiva.
Os seus responsables aseguran que esta ferramenta funciona a modo de “fiestra divulgativa” na que as persoas que o desexen poden coñecer máis sobre a minaría en Galicia e acceder a todo tipo de información de utilidade neste eido.
A nova web caracterízase sobre todo pola súa accesibilide e fácil navegación, ao permitir que os e as internautas que a visiten accedan de maneira doada a todo tipo de contidos.
Deste xeito, a páxina de inicio contén novas de interese para o sector e está repartida en cinco grandes bloques temáticos: Cámara Mineira, Minaría, Medio Ambiente, Seguridade e Saúde e Outros. Ao abrir cada un destes apartados, os visitantes da web atopan unha breve introdución e varios submenús de información, lexislación, documentación, servizos, actividades/eventos e ligazóns.
Por outra banda, as persoas que naveguen pola devandita web terán acceso ao localizador de empresas mineiras membros da Cámara Oficial Mineira de Galicia, unha ferramenta de grande utilidade que sitúa ás empresas socias da COMG nun mapa de Galicia, diferenciando os subsectores existentes: áridos, auga embotellada, balnearios, cerámica, granito, lousa, minaría enerxética, rochas industriais e outros.
Ao acceder a calquera das empresas citadas na páxina, aparecen os datos de contacto da mesma e a posibilidade de remitirlle un correo electrónico directamente.
Asemade, a nova web inclúe tamén ligazóns directas co Boletín da Cámara Oficial Mineira de Galicia, de edición trimestral, así como coa Web da Conferencia Internacional de Minaría Sustentable, desenvolvida o pasado ano en Compostela e coa Web da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

PUBLICIDADE