A Cámara de Santiago organiza unha xornada sobre aspectos legais na dixitalización da empresa

mércores, 23 de febreiro do 2022 S. P.

Ramón Rey será o encargado de impartir os contidos

A Cámara de Comercio de Santiago organiza este xoves, 24 de febreiro, ás 10.00 horas, unha xornada en liña e de balde sobre a vertente legal dos procesos de transformación tecnolóxica nas pemes. A actividade, enmarcada na Oficina Acelera Peme (co-impulsada por Red.es e a entidade cameral compostelá), aborda os aspectos regulamentarios e normativos que cómpre ter en conta na dixitalización do noso negocio, aspectos que deben ser considerados polos empresarios e os traballadores autónomos.
“A celeridade coa que moitas organizacións tiveron que adaptarse a esta realidade dixital afecta de maneira negativa, xa que a falta dun asesoramento específico no dereito das novas tecnoloxías provoca que se pasen por alto disposicións xa asentadas no noso ordenamento, cuestións como a protección de datos ou a protección de autoría dun contido web”, explica a entidade cameral, poñendo o foco tamén nas políticas de vendas a través de plataformas de comercio electrónico, cuxos aspectos esenciais cómpre comprender e respectar á hora de deseñar a presenza dixital das diferentes entidades.
Co ánimo de levar a cabo unha aproximación a este contido xurídico, a Cámara a de Comercio de Santiago de Compostela organiza esta xornada para que “tanto as empresas como os traballadores autónomos poidan diagnosticar cal é o estado da súa organización e desta forma implantar as medidas axeitadas”.
A xornada deste xoves estará impartida por Ramón Rey, doutor en Dereito e Mestrado en Dereito de Autor e Novas Tecnoloxías. Desenvolve a súa actividade profesional como avogado na empresa xurídica Ausum, con sede en Compostela, dende onde ofrecen asesoramento a grupos empresariais, organismos públicos e privados, así como a empresas familiares e pemes. O equipo ofrece unha extensa e probada experiencia coa esixencia imposta da formación formación de maneira continúa. Ramón Rey é profesor de Dereito na Universidade Internacional da Rioxa, e autor de diferentes publicacións con editoriais de recoñecido prestixio.

PUBLICIDADE