A Cámara de Santiago organiza mañá unha xornada sobre como xestionar un negocio na Rede

martes, 3 de novembro do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago organiza este mércores unha xornada de balde para a xestión integral dun negocio a través da Rede. A actividade, que comeza ás 11:00 horas no salón de actos da entidade, está dirixida “ao público en xeral” pero concibiuse para achegar especial interese a directivos, altos executivos e pequenas e medianas empresas (PEME) do sector da moda e complementos. Os organizadores da xornada parten dunha premisa (o moito que se teñen afianzado as novas ferramentas no plano comercial e empresarial, e o motivo que se van seguir afianzando no futuro) para lembrar aos participantes que a día de hoxe “é impensábel para unha empresa levar a administración, a xestión e a comunicación sen o uso de plataformas dixitais”. Neste senso, o obxectivo é axudar ás empresas a adaptarse plenamente a esta nova contorna.
Mediante esta formación, os asistentes coñecerán o uso dos sistemas de xestión ou ERP (Enterprise Resource Planning) que permiten xestionar de maneira rápida e sinxela os cobros, o almacén de produtos, os envíos, as bases de datos de clientes ou a contabilidade da empresa desde un mesmo sitio web. Por outra banda, na xornada explicarase como atraer a potenciais clientes e usar unha correcta planificación e estratexia da comunicación en medios sociais.
A conferencia será impartida polo responsábeis de medios sociais da empresa Unayta, Andrés Rozados, que explicará punto por punto os diferentes pasos a seguir para elaborar unha axeitada programación da xestión empresarial a nivel interno e externo. Ao rematar o relatorio, os asistentes poderán solicitar unha auditoría sobre a súa empresa e resolver dúbidas co especialista en xestión de ERP Francisco Montes.

PUBLICIDADE