A Cámara de Santiago móstranos como facer experimentos web rápidos para validar modelos de negocio

mércores, 13 de xullo do 2022 S. P.

O vindeiro 22 de xullo a Cámara de Comercio de Santiago organiza unha nova actividade formativa para facernos avanzar no manexo da tecnoloxías que nos axudan a ser máis competitivos, eficientes e rendíbeis. Trátase da sesión Como facer experimentos web rápidos e baratos para validar ideas e modelos de negocio. Desenvolverase en horario de 10.00 a 11.15 horas e incluirá unha presentación da Oficina Acelera PEME (o programa de Red.es do que xorden estes obradoiros, en colaboración con entidades como a Cámara de Santiago) e unha introdución ás metodoloxías áxiles e ciclos de iteración para validar ideas e modelos de negocio.
Tamén se introducirá aos asistentes no deseño de experimentos de validación (definición de obxectivos, hipóteses/preguntas e métricas) e mostraránselles exemplos de experimentos web concretos para validación, cun caso práctico.
Relatores
Alejandro García Soto: socio en Despunte diseño e ingeniería. Responsábel da área de deseño e desenvolvemento de produto nos servizos a terceiros e proxectos propios como Anzol: o marketplace nacional de servizos de fabricación baixo demanda.
Carmen Araquistain Portela: socia en Despunte diseño e ingeniería. Responsábe de desenvolvemento de negocio e comunicación en Despunte y Anzol.
As Oficinas Acelera Peme (OAP) inclúense no Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Entidade Pública Empresarial Red.es.

PUBLICIDADE