A Cámara de Santiago estrea sede electrónica
martes, 2 de maio do 2017
A
Cámara de
Comercio de Santiago vén
de estrear sede electrónica de seu. O obxectivo? Achandar o
camiño das empresas e os emprendedores cara o acceso pleno aos
recursos da entidade, máis en detalle as axudas dos programas
financiados con fondos europeos. A plataforma de Administración
Electrónica da Cámara de Santiago fornece a posibilidade de
realizar estes trámites dixitalmente (telematicamente) na súa
integridade: dende a fase da convocatoria
até
a resolución final da axuda.
Segundo
informa a entidade compostelá, só son precisos catro pasos para
solicitarmos un incentivo destas características. Primeiro, acceder
á sede electrónica e consultar as
convocatorias abertas a través do buscador ou accedendo ás pestanas
de clasificación dos trámites. Segundo,
iniciar a presentación identificándonos
cun certificado electrónico. Terceiro,
completarmos
os datos do solicitante, enchermos
o formulario de solicitude e achegarmos
a documentación requirida. Cuarto,
asinar e presentar o formulario completado antes da data de fin da
convocatoria.
Para
efectuar a sinatura,
por certo, é
necesario ter instalada a aplicación gratuíta Autofirma
facilitada polo Goberno de España, que
se pode descargar dende
a ligazón de seu. Segundo explica a Cámara de Santiago, nun
apartado persoal as
empresas
poden
consultar o estado das solicitudes, emendar información ou achegar
novos documentos e acceder ás notificacións electrónicas. O acceso
a esta área privada realízase mediante certificado dixital, que,
segundo
explican fontes da entidade compostelá,
“asegura a privacidade da información e solicitante”.
A
través da sede
electrónica,
explica
a Cámara,
“a tramitación e xestión das convocatorias de axuda dos
programas será máis transparente, áxil e eficiente á vez que as
empresas e emprendedores terán unha nova canle máis accesíbel,
sinxela e con maior
dispoñibilidade para solicitar as axudas”.
Organismo intermedio de programas europeos
A Cámara de Comercio de Santiago actúa como
organismo intermedio dos programas de axudas da Unión Europea. En
total, a Cámara de España xestionará até
o ano 2020 máis de 400 millóns de euros, procedentes dos fondos
europeos FEDER e FSE. A dixitalización, innovación e
internacionalización de PEME,
a mellora da empregabilidade da mocidade e o apoio ás mulleres
emprendedoras son as principais liñas de apoio das Cámaras de
Comercio que contan con co-financiamento de fondos europeos. Estas
accións desenvólvense a través de programas como TICCámaras,
Innocámaras, Plan de Apoio á Competitividade do Comercio, Plan de
Competitividade Turística, Plan Integral de Cualificación e Emprego
(PICE), o Programa de Apoio á Muller Empresaria (PAEM), Xpande e
Xpande Dixital, deseñados pola Cámara de España e executados a
través da rede de cámaras territoriais.