A Cámara de Santiago e Javier Rocamora mostran como nos podemos protexer das principais ciberameazas

mércores, 20 de abril do 2022 S. P.

A Cámara de Santiago vai celebrar a vindeira semana, entre o martes 26 e o venres 29 a partir das 10.00 horas, un obradoiro no que se mostrarán ás pemes e persoas autónomas da contorna como protexerse ante as principais ameazas da Internet. O taller Principios básicos de ciberseguridade para empresas de economía social, pemes e autónomos será impartido por un dos grandes expertos actuais do ámbito tecnolóxico-dixital galego, estatal e internacional: Javier Rocamora, consultor de mercadotecnia en liña e comercio electrónico.
O obradoiro abordará cuestións como os principais riscos que existen hoxe en día en materia de ataques informáticas, as boas prácticas que podemos aplicar noa nosa para evitar riscos ou cales son as principais ferramentas que nos axudan a deter ataques e defendernos deles.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

PUBLICIDADE