A Cámara de Comercio e o Gaiás apoian os proxectos innovadores de dúas ducias de mozas e mozos

martes, 5 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Estes días, até o 20 de decembro, está activo na Cidade da Cultura un programa de adestramento para facilitar que despeguen no mercado os proxectos innovadores de 25 mozas e mozos menores de 30 anos. A actividade Transformación dixital, xestión empresarial e emprendemento nas industrias culturais está organizada pola Cámara de Comercio de Santiago e co-financiada pola Fundación Cidade da Cultura e a Fundación INCYDE. Desenvólvese todas as semanas no Centro de Emprendemento do Gaiás.
O curso está dirixido a menores de 30 anos que non se atopan en situación de emprego e que teñan ligazóns co mundo cultural e interese en coñecer a importancia das industrias culturais e creativas. Tamén se dirixe a persoas emprendedoras que conten cunha idea de negocio e desexen realizar un proxecto viábel de creación de empresa cultural para o seu posta en marcha.
A formación inclúe, tematicamente, módulos sobre unha manchea de cuestións TIC: mercadotecnia dixital e estratexia, creatividade e innovación, branded content, redes sociais, xestión de comunidades dixitais, visualización nas redes (SEO e SEM), ferramentas, datos e métricas, ou xestión financeira e xurídico-fiscal.
Ademais das sesións de formación conxunta, nas que se impartirán os contidos xerais do programa, o curso inclúe accións de acompañamento e titorías individualizadas (destinadas a orientar a cada alumno en función do seu perfil profesiona) e sesións de asesoramento e seguimento (destinadas a apoiar aos participantes na creación do seu proxecto emprendedor).
Este programa é unha nova aposta polo despegue de proxectos innovadores ao abeiro da Cidade da Cultura, que xa conta cun Centro de Emprendemento polo que (desde a súa creación en 2012) pasaron máis de 400 iniciativas innovadoras que puideron beneficiarse dos seus recursos e servizos. O CEM ofrece un espazo de traballo colaborativo (coworking) e un viveiro de empresas, amais dunha área tecnolóxica na que compañías referenciais están a materializar proxectos de apoio a startup galegas.
Aparte dos servizos encamiñados ao emprendemento con sede na Cidade da Cultura, o Gaiás tamén impulsa os Premios Gaiás Sixto Seco; o festival de artes e emprendemento Audacia, ou os encontros Atlantic Emprende+Gaiás, arredor da industria musical. “Só en 2018 programáronse máis de 70 actividades en torno á creación e á innovación, ás que asistiron arredor de 14.000 persoas, mentres que desde 2012 pasaron por este Centro do Gaiás máis de 400 proxectos innovadores”, informaron onte os responsábeis da Fundación Cidade da Cultura, durante a presentación do novo programa formativo impulsado coa Cámara de Santiago.

PUBLICIDADE