A Cámara de Comercio de Santiago impulsará a eAdministración entre as PEME e os autónomos

luns, 22 de xuño do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de pór en marcha un programa sobre ferramentas tecnolóxicas para facilitar as relacións (comunicacións, tramitacións, procedementos) coas entidades públicas das pequenas e medianas empresas galegas, das microempresas e dos autónomos. O Programa eAdministración, iniciativa cofinanciada por fondos FEDER da Unión Europea, ten como obxectivo específico fomentar servizos e ferramentas como a facturación electrónica ou a sinatura dixital, mellorando así a produtividade e competitividade dos usuarios a través de servizos electrónicos completos.
Para isto, o plan impulsará que as empresas adopten metodoloxías para incorporar a Administración Electrónica de modo sistemático a súa actividade empresarial cotiá.
Este programa ten unha fase de consultoría de mellora de procesos onde se realizará un diagnóstico asistido e personalizado ás empresas participantes. Trátase dun estudo dos procesos da empresa para determinar os aspectos nos que a eAdministración pode contribuír á mellora das súas produtividade e competitividade, facilitando a redución de cargas administrativas, a axilidade nos procesos coas entidades públicas, a automatización de tarefas que incorporen evidencias electrónicas certificadas (sinatura dixital, selo de tempo, notificacións electrónicas certificadas...) que garantan a súa seguridade xurídica de e a posibilidade de integrar a facturación electrónica.
Feito o diagnóstico, elaborarase un documento de optimización de metodoloxías que exercerá de “guía para a fase de implantación en plataforma de servizos”. Nesta fase, informa a Cámara, “a empresa beneficiaria poderá realizar trámites coas administracións, facturar electronicamente, automatizar procesos internos e realizar transaccións mercantís coas certificacións xurídicas necesarias”. O custe da implantación destas solucións será dun máximo de 1.000 euros.

PUBLICIDADE