A Cámara de Comercio de Santiago guía a creación e afianzamento de 22 proxectos innovadores

martes, 19 de maio do 2015 Redacción

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella) acolleu este luns a presentación do Programa de Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego, que se celebrará ata o vindeiro 10 de xullo. Esta acción, unha liña de traballo formativo, foi debullada nos seus detalles polo presidente da entidade, Jesús Asorey, quen fixo saber que o obxectivo é achegar recursos que permitan desenvolver un plan para dar forma a unha empresa competitiva, eficiente e innovadora. “A elaboración desta guía de mellora da PEME servirá aos emprendedores como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras”.
A iniciativa está dirixida sobre todo a persoas con iniciativas emprendedoras que necesiten coñecer a viabilidade da súa idea de negocio e adquirir os coñecementos necesarios que lles permitan pór en marcha os seus proxectos. Participarán un total de vinte e seis alumnos que desenvolverán catorce proxectos de creación e oito de consolidación empresarial, centrados nos sectores da construción, química, aplicacións móbiles, dispositivos médicos, sector nupcial, téxtil, servizos web, exportación comercial, recursos humanos, gastronomía ou mesmo servizos xurídicos.
O programa está deseñado cunha metodoloxía teórico-práctica, que se impartirá en sesións de formación xenérica e conxunta e a través de clases específicas e á medida durante unha consultoría semanal e individualizada, coa axuda dun equipo de profesionais con ampla experiencia docente e homologados polo INCYDE (entidade colaboradora do programa) como formadores. Durante as oito semanas da formación, os alumnos recibirán nocións sobre dirección de proxectos, mercadotecnia, promoción e comercialización, creatividade, innovación e transferencia de tecnoloxía, xestión da información e manexo de redes sociais, xestión xurídica e financeira, prevención de riscos laborais e calidade medioambiental.

PUBLICIDADE