A Cámara de Comercio de Santiago participa nun proxecto europeo para loitar contra o desemprego con recursos 2.0

martes, 4 de marzo do 2014 Redacción

Belén Mendoza, á dereita, participando nunha xuntanza recente en Dublín

Establecer ligazóns máis estreitas con empresas irlandesas e europeas en materia de cooperación para situarnos na vangarda da innovación tecnolóxica, mesmo (se é posíbel) por diante dela. Ese foi en liñas xerais o obxectivo da viaxe recente da Cámara de Comercio de Santiago a Dublín. Xa nun plano máis específico, o obxectivo foi participar nunha xuntanza de traballo arredor do proxecto Entrepreneur 2.0 (proxecto Leonardo da Unión Europea). Esta iniciativa, como lembraremos, céntrase en abrir e afianzar o emprendemento en Europa aos cidadáns desempregados por medio das ferramentas 2.0 e os servizos da nube.
En representación da nosa terra acudiu a Irlanda Belén Mendoza, técnico do departamento de Proxecto da Cámara de Comercio. O proxecto, que se estenderá até xullo de 2015, conta coa participación de varios socios e colaboradores e empresas de Grecia, Turquía, República Checa, Irlanda, Eslovenia, Lituania, ademais da entidade compostelá. Segundo informa esta, na xuntanza consolidouse o conxunto de socios, definíronse as accións comúns de grupo e traballouse na elaboración dunha listaxe validada por e para as PEME con ferramentas da web 2.0 “para avanzar na xestión dos negocios e como axuda á exportación”. Durante o encontro tamén se avanzou na convocatoria da seguinte reunión que se vai celebrar os días 10 e 11 de abril na República Checa, organizada pola Cámara de Comercio de Praga. Ademais, confirmáronse as datas para a xuntanza prevista para Santiago de Compostela, os días 9 e 10 de xuño.
“O obxectivo específico desta cita”, informa a cámara compostelá, “foi intercambiar experiencias en materia de novas empresas e innovación, especialmente relacionadas coas novas tecnoloxías, establecer un itinerario formativo para 2014-2015, deseñar un catálogo de servizos e ferramentas baseadas na web 2.0. (Blogging, LinkedIn, Twitter, Facebook e Google+) e na nube e crear un grupo de profesores e mentores expertos”.

PUBLICIDADE