A Cámara da Coruña mellorará a seguridade dixital de 10 empresas

xoves, 4 de maio do 2023 S. P.

Dez serán as empresas da contorna coruñesa que se verán beneficiadas pola Cámara da Coruña para seren máis competitivas dixitalmente e isto grazas ao programa europeo Ciberseguridade 2023, deseñado para o desenvolvemento de plans encamiñados á introdución de sistemas de ciberseguridade. Asemade, as empresas participantes poderán recibir unhas axudas directas ao investimento de até 3.200 euros.
O día 2 de maio abríase o prazo de solicitudes e as prazas esgotábanse en cuestión de horas.
O dito programa ten como obxectivo principal promover o uso seguro e fiábel do ciberespazo, así como maximizar as oportunidades de mellora da produtividade e competitividade á vez que se protexen os dereitos e as liberdades dos cidadáns e se lle dá un pulo ao progreso socio económico. Dende a súa posta en funcionamento en 2020, a Cámara da Coruña atendeu a máis de 34 empresas e xestionou un total de máis de 100.000 euros en axudas..
Engadir que este programa está co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e consta de dúas fases: unha para realizar diagnóstico e recomendacións (co-financiada ao 100% entre FEDER e Cámara) e unha segunda na que se contemplan as axudas directas ao investimento das empresas (co-financiadas nun 80% por FEDER e no 20% restante pola empresa).

PUBLICIDADE