A Cámara da Coruña e GAIN coinciden na necesidade de dar enerxía á transformación empresarial

xoves, 28 de abril do 2022 S. P.

A directora de GAIN, Patricia Argerey, mantivo unha reunión este mércores 27 de abril con Antonio Couceiro e os membros do comité executivo da Cámara da Coruña. Argerey e os integrantes da entidade cameral coincidiron na importancia da colaboración público-privada para impulsar accións empresariais relacionadas coa I+D+i e lembraron algúns dos principais fitos de transformación de GAIN e a Cámara da Coruña, que desenvolven un “intenso labor enfocado ao impulso da innovación nas empresas, especialmente nas pemes”.
Couceiro explicou que a Cámara, a través dos programas europeos que xestiona, ofrece asesoramento, formación e axudas a nivel nacional e internacional, en sectores como o turístico, o do comercio e o industrial, entre outros. Amais, a través da Oficina Acelera Peme, a entidade ofrece asesoramento sobre o programa Kit Dixital, que ten como obxectivo “promover a dixitalización de pequenas empresas, micropemes e persoas autónomas”.
Antonio Couceiro destacou “a importancia de que as empresas poñan o foco no desenvolvemento de procesos dixitais e innovadores, tanto nas pemes como nas industrias. É o momento de aproveitar o enorme salto cualitativo que experimentamos nos últimos dous anos neste sentido”.
A directora de GAIN, pola súa banda, expuxo que o Executivo galego está “firmemente comprometido coa transformación do modelo económico de Galicia cara a unha economía competitiva e sustentábel, baseada no coñecemento e no talento, que acelere o crecemento económico e impulse o emprego e o benestar social”. Para iso, apuntou que “é necesario que o tecido produtivo se convenza das vantaxes económicas de investir en I+D+i tanto a curto como a longo prazo, máxime nun contexto de incerteza e dificultade como o actual”.
Precisamente, para responder o reto da transformación enerxética e dixital, a Xunta de Galicia acaba de aprobar a súa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027, que mobilizará 5.000 millóns para facer da sustentabilidade, a dixitalización e as persoas os eixos das súas políticas de I+D+i.
Os membros do comité executivo da Cámara da Coruña trasladaron á representante autonómica posíbeis vías de colaboración en sectores como o do medio ambiente, o marítimo, da madeira, do gas, da distribución ou do alimentario.
Neste contexto, lembraron que a Oficina de Promoción Tecnolóxico Industrial da Cámara, que verá a luz en datas vindeiras, ten como obxectivo principal revitalizar a atractivo da área para a localización de novas iniciativas con potencial innovador e de crecemento e mellorar a competitividade das xa instaladas.

PUBLICIDADE