A Cámara da Coruña dixitalizará todos os seus procesos de forma integral

venres, 12 de marzo do 2021 S. P.

A Cámara da Coruña anunciou este 12 de marzo que nos próximos meses desenvolverá un exhaustivo Plan de Renovación Tecnolóxica co obxectivo de “mellorar a calidade dos servizos que ofrece, por unha banda, e da súa operativa interna, pola outra”. Deste xeito a entidade propúxose que a dixitalización de todos os seus procesos sexa “unha realidade ao longo de 2021”, explicou a dirección da Cámara.
Ademais, salienta que este proceso traerá unha serie de beneficios fundamentais para as socias e socios, que poderán mellorar a experiencia de uso “accedendo aos seus servizos dunha forma moito máis sinxela e intuitiva grazas en boa medida á reestruturación da páxina web, que permitirá aforrar tempo ao poder facer todo tipo de xestións dunha maneira áxil e telemática”.
E engade a Cámara: “Trátase dunha importante estratexia de modernización tecnolóxica que contará cun avanzado servizo de seguridade na Rede, o que permitirá aproveitar todas estas novas funcionalidades con tranquilidade, desde calquera lugar e a través de calquera dispositivo”.
A Cámara entende que “a tecnoloxía e a innovación son fundamentais para operar nunha contorna cun alto nivel de competitividade que xera unha gran cantidade de información a gran velocidade”. Todos estes cambios, explica a entidade, supoñen “unha oportunidade para adquirir novas técnicas” e “habilidades para optimizar o servizo ofrecido”.

PUBLICIDADE