A Cámara da Coruña axuda ás empresas a visualizarse máis e mellor nas redes

xoves, 21 de abril do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña, ao abeiro dos seus plans para favorecer a presenza internacional das empresas da súa contorna, puxo en marcha un Servizo de Intelixencia Económica Internacional que engloba varios servizos específicos aos que as pemes poden acceder en función das súas necesidades concretas. Tamén activou medidas para acadar meirande visibilidade das pemes na Rede.
O Servizo de Intelixencia Económica Internacional inclúe en primeiro lugar unha extensa base de datos de empresas que operan en máis de 200 mercados internacionais. “Unha vez que a empresa identifique un mercado específico do seu interese, a Cámara axudaralle a identificar posíbeis compradores ou partners de interese para a súa actividade exportadora”, explican fontes da entidade, engadindo que esta base tamén serve para empresas galegas interesadas en importar produtos estranxeiros ou para aquelas que queiran obter información sobre posíbeis socios investidores.
Este servizo ofrece tamén a posibilidade de acceder a clasificacións financeiras e empresariais de sociedades tanto internacionais como españolas. “Así, as empresas coruñesas coñecerán a capacidade dunha empresa determinada de facer fronte aos seus pagos e poder valorar o risco que supón establecer relacións comerciais coa mesma”, sinala a Cámara.
Mellora da canle online
A Cámara complementou as ditas medidas para favorecer a posición internacional das empresas cunha liña de traballo para axudalas a ter unha boa estratexia de mercadotecnia online. Esta liña inclúe apoio a través dunha análise exhaustiva da web da empresa interesada, “sobre todo no ámbito da visualización en buscadores e redes”, pero tamén en aspectos como a velocidade de carga, o rexistro de dominios, a programación interna para o rastrexo polos buscadores ou a accesibilidade e optimización da web para contornas móbiles, entre outros aspectos. “Trátase dun servizo orientado tanto a empresas de corte internacional como a empresas cunha actividade máis local”, explican fontes da Cámara, que engaden que “para a realización de estratexias de mercadotecnia online asesoramos ás empresas na definición das redes sociais máis axeitadas para o seu negocio, axudándolles a sinalar que palabras crave son máis utilizadas polos usuarios de Google á hora de buscar produtos ou servizos en cada país e proporcionándolles indicadores interesantes como en que zonas son máis buscadas esas palabras clave ou se os usuarios utilizan dispositivos móbiles ou equipos informáticos de oficina, entre outros aspectos”.

PUBLICIDADE