A Cámara da Coruña achega novos cursos TIC para impulsar a empregabilidade da mocidade

martes, 12 de setembro do 2023 S. P.

No mes de setembro comezarán 10 cursos da Cámara de Comercio da Coruña, nas modalidades presencial e en liña, cursos que aínda teñen aberto o prazo de inscrición. Trátase dunha serie de actividades subvencionadas ao 100% entre o fondo social europeo e a entidade cameral. O seu obxectivo é fomentar a empregabilidade da xente nova rexistrada no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil ao tempo que se responden ás necesidades reais e urxentes das empresas.
Para facilitar o acceso a esta formación, a Cámara ofrece a opción de acceder a estas formacións de forma presencial ou online. Así, no mes de setembro darán comezo dez actividades. As que se van desenvolver en formato de teleformación serán a de inglés (A2, B1, B2 e C1, 300 h, con inicio o 20 de setembro), a de xestión de proxectos con BIM, Revit e Navisworks (curso de 250 horas con inicio o 21 de setembro) e a de análise de datos e ferramentas avanzadas de Microsoft Excel (250 h, con comezo fixado para o día 25 de setembro).
No capítulo de cursos presenciais, estes son os cursos que se ofrecen:
• Deseño e creación de videoxogos (180 h): inicio o 18/09/2023
• Persoal de apoio para xestoría (180 h): inicio o 18/09/2023
• Mercadotecnia (marketing) e comunicación (180 h): inicio o 18/09/2023
• Mercado da moda (180 h): inicio o 18/09/2023
• Auxiliar de reposición e venda en gran superficie (210 h), con 100 h de prácticas en empresas: inicio o 18/09/2023
• PRL no sector da construción (180 h), en colaboración con APECCO: inicio o 20/09/2023
• Microsoft Office (180 h): inicio o 26/09/2023
O Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE) é un dos instrumentos artellados en España polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020 do Fondo Social Europeo para apoiar a redución da taxa de desemprego entre os mozos, mellorando a súa cualificación e empregabilidade e promovendo o autoemprego.

PUBLICIDADE