A CRTVG engade contidos á carta á súa aplicación para iPhone e iPad
xoves, 20 de decembro do 2012
- Varias series da TVG poden verse agora dun xeito máis cómodo no iPad
Hai pouco máis dun ano a TVG e a Radio
Galega estrearon aplicacións móbiles que facilitaban o acceso aos seus
contidos en directo e informativos a través de dispositivos con Android e iOS,
que finalmente están a actualizarse de xeito importante e, aínda que polo
momento a ferramenta
para Android limítase a mellorar a súa compatibilidade con máis
dispositivos, a de iPhone e iPad dá un importante paso adiante, estreando
versión 2.0, que mellora a navegación e o acceso aos contidos e como grande
novidade conta con acceso aos programas do servizo á carta da TVG, de xeito que
xa podemos ver series como Matalobos
e Padre Casares ou programas como Eirado e Larpeiros dende a comodidade do noso smartphone ou tablet, coa
posibilidade tamén de, se estamos rexistrados como usuario, poder marcar
contidos para poder velos noutro momento na sección Ver despois.
Os contidos dispoñibles na sección de Á
carta da nova aplicación aínda son bastante limitados, pero é de agardar
que vaian incrementándose paulatinamente, aínda que podemos lembrar que a
páxina web da CRTVG tamén está optimizada para dispositivos móbiles, polo que
os usuarios que desexen ver algún episodio de Son Goku ou dos Bolechas no seu tablet
ou móbil teñen aberta tal posibilidade con independencia da evolución da
aplicación oficial para estes dispositivos.
- A aplicación para iPhone tamén engade as seccións de Á carta e Ver despois