A CNN estrea aplicación para o iPhone

martes, 29 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O iPhone e o iPod Touch gozan de moitas aplicacións que facilitan o acceso a distintos servizos informativos coma xornais, emisoras de radio ou canles de televisión, pero dende a CNN non tiveron moita presa a este respecto, polo que a súa chegada é ao grande, cunha aplicación realmente impresionante, na que pódese acceder a vídeo en directo coas novas de última hora, repasar os titulares do día baseados na localización do usuario (pois este servizo polo momento só está dispoñible a través de iTunes dende EE.UU.), consultar o prognóstico do tempo ou as condicións do tráfico. Os usuarios incluso poderán aproveitar a cámara do iPhone para remitir fotografías e vídeos ao servizo iReport (co que buscan contribuír ao xornalismo ciadadán).
A aplicación da CNN para o iPhone permite explorar os vídeos dispoñibles mediante Coverflow se colocamos o terminal en horizontal, mentres que en vertical podemos ver as descricións dos distintos cortes de vídeo, tamén deixa marcar novas para a súa lectura posterior e compartir información a través de Facebook e Twitter.
Sorprende ver que esta aplicación será de pago, de xeito que haberá que pagar 1,99 dólares para acceder á mesma, aínda que esta medida podería pretender conter o acceso aos seus servidores de vídeo a través da Internet, para evitar conxestións.

PUBLICIDADE